Tuesday 14 de May de 2024

Belén do Campo subliña a aposta da xunta pola FP con motivo da visita ás obras de ampliación do CIFP Coroso, no concello de Ribeira


Os traballos, que se enmarcan dentro do plan de renovación e mellora de infraestruturas e equipamentos nos centros de ensino galegos, están dotados cunha inversión que supera os 550.000 euros

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, subliñou hoxe a aposta decidida que está a facer a Xunta de Galicia nos últimos anos no eido da Formación Profesional en todas as súas vertentes, “un impulso que se plasma en obras como as que se están realizando no centro integrado de Formación Profesional (CIFP) Coroso”, sinalou.

Do Campo visitou hoxe as obras de ampliación que se están a realizar neste centro de Ribeira, cun investimento que supera os 550.000 e enmarcadas dentro do plan de renovación e mellora de infraestruturas e equipamentos posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dotado con 18,4 millóns de euros.

En concreto, estes traballos -que non interferirán na vida escolar do centro e estarán rematados a finais de ano- céntranse na construción dunha nova nave para albergar dous talleres e aseos. Ademais, e se fora necesario nun futuro, a estrutura estará preparada para albergar despachos na primeira planta.

Respaldo á FP Básica
Neste contexto de impulso ás ensinanzas de Formación Profesional, o novo volume será utilizado tamén polo alumnado de FP Básica, a nova modalidade implantada ao abeiro da LOMCE e que este ano encara o seu segundo curso. Dende a súa posta en marcha, a Xunta optou por potenciar esta vía como fórmula para evitar o abandono educativo temperán e, por tanto, favorecer a permanencia do alumnado dentro do sistema educativo.

A maiores, os mozos e mozas que cursen FP Básica obterán un título cos mesmos efectos laborais que o título da ESO e, ademais, poderán optar a sacar o de graduado. Por tanto, esta modalidade de FP cualifica ao alumnado e promove o seu acceso ao mercado laboral.

Na súa visita ao centro, a delegada estivo acompañada polo xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, o director do centro, José Antonio Rendo, a primeira tenente alcalde de Ribeira, Fabiola García, e a deputada autonómica Herminia Pouso.